quinta-feira, janeiro 03, 2008

Choiva Azeda proxecta no Alovi as obras dos realizadores máis novos de As Pontes


A asociación pontesa Choiva Azeda organiza unha proxección de obras audiovisuais no cine Alovi. Será mañá, ás 20.30 horas, con entrada gratuíta. Con esta actividade queren dar a coñecer o traballo de veciños da localidade formados neste eido. Todos eles residen fóra (algún incluso en Londres) pero en moitos casos a súa vila natal é unha parte esencial do seu traballo.

Proxectarase a curta documental "Ciclo combinado", de Nuria Castro e Sabela Pernas. É unha análise socieconómica das Pontes, antes e despois da transformación industrial provocada pola mina e a central térmica. Esta obra gañou o premio GzCrea no apartado audiovisual. De Sabela Pernas é tamén "Mundo Bazar", unha visión do mundo dun bazar chino a través dunha familia chegada directamente de China e dos seus descendentes, integrados xa nunha sociedade moi diferente á dos seus pais.

No Alovi verase tamén "Minerva", un traballo de Mario Añón que se adentra, a través dunha experiencia onírica, no interior dunha persoa que vive soa e que padece unha enfermidade mental dexenerativa.

De Roberto Rego proxectaranse "O reflexo da lembranza", un traballo de ficción baseado nunha lenda relativa ó río Eume, e "Interferencias".

O ciclo de cine de realizadores ponteses rematará con "Cambio de planes", un traballo escrito e dirixido por David Solana que presenta a un funcionario a piques de se xubilar que recibe unha trascendental orde que pode cambiar a historia do país.

Os organizadores adiantan ademais que haberá algunha que outra sorpresa durante a noite.
+ info SOBRE A PROXECCIÓN:

Sem comentários: