Videos da festa da fraga

Loading...

terça-feira, julho 03, 2007

S.O.S. Courel I. O problema por Xosé Manuel Beiras


Tiña razón Novoneyra: non hai outro templo máis vasto. Un templo. Esactamente iso. A ollada do poeta é sempre a máis furadora. A imaxe poética, cando é tal, e non simples artificio literario -ía escribir retórico- é a visión máis certeira do que os simples mortais adoitamos chamar realidade, a que trascende a aparencia visual das formas, a que revela o seu trasunto profundo para amostrarnos o seu siñificado oculto, aquil que dota de sentido ás emocións e fantasías que suscita en nós a sua contemplación.

Un templo. O Courel é un templo, o "templo máis vasto" do imaxinario panteista que latexa no inconsciente colectivo dun povo ancestralmente labrego coma o noso, ­dunha cultura formada dende os tempos máis remotos en radical simbiose cunha natureza tan exuberante e proteiforme como foi -e, malia todo, inda segue a ser- a do noso país. Mesmo por iso, para o paisano courelán que foi Uxío Novo­neyra de por vida, amáis de non haber outro templo máis vasto ca O Courel, tampouco non había "outro credo que este silencio". Ese silenzo que non é ausencia de son. Ese silenzo que se escoita, como nos intervalos mudos das grandes obras musicais, como nos interiores sonoros das nosas grandes catedrais románicas. O silenzo que no Courel se escoita dende o alto do Couto, dende o chao das fontes no cimo da debesa da Rugueira, dende o cume do Taro Branco, e tamén en sentido inverso, abaixo, nos fondais, en Moreda, en Froxán, na Ferreiría Vella, na Parada do Uxío e da María Mariño.

Un templo labiríntico, cercado polos "tesos cumes" do macizo courelán, onde a nave axial segue o curso do Lor que ata unha urda enguedellada de vales, outeiros, caviancas e caborcos, coas abóvedas formadas polas frondas sen fin dos soutos e as debesas, e cúpula de ceo aberto que se cerra cando se entolda e desce cando as nebras engulen os cumes e o cobertor gris abriga, amantiño, a paisaxe humanizada de embaixo. Esa obra magna de arquiteitura natural modelada na sua tona polas pegadas do home ao longo dos séculos, ese templo do Uxío noso é, arestora, un templo profanado e ameazado de ruína.

Entrou nel a couza da estulticia hipócrita dos escribas e da cobiza depredadora dos mercaderes -e non houbo cristo até agora que os botase fóra a uns nen outros. Brada, irado, o espectro de Novoneyra. Só Manoel-Antonio lle contesta. Crúzanse mensaxes cifradas. Nestas, mozos e mozas coureláns dan en descifralas. Nos cumes de Formigueiros, un faro cintilea "no morse -clave Orión- das estrelas": S.O.S. Courel.

Sem comentários: