quinta-feira, julho 05, 2007

Coñeces os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio?

Sabías que a nutrición e a saúde básicas para todas as persoas do planeta custarían 13.000 millóns de dólares ao ano... e Europa e Estados Unidos gastan 17.000 millóns en comida para mascotas? Ou que para lograr a educación primaria universal en 2015 necesítanse polo menos 18 millóns de profesores e profesoras máis? Ou que no ano 2000 cada vaca europea recibiu 760 euros de subsidio da UE mentres cada persoa en África subsahariana recibiu pouco máis de 6 da mesma institución? Sabías, finalmente, que o consumo de auga en mal estado provoca máis mortes que a guerra ou o terrorismo? Se non sabías todo iso, quizá debas coñecer aínda máis os Obxectivos do Milenio.

O 8 de setembro do ano 2000, 189 Xefes de Estado e de Goberno reuníanse na sede das Nacións Unidas de Nova York no chamado Cume do Milenio cun claro obxectivo: transmitir a políticos e cidadáns, a sociedades e gobernos, que a erradicación da pobreza mundial debía ser unha prioridade para todos e todas. Con esta motivación como pano de fondo, subscribiron a Declaración do Milenio, pola que se comprometían a acabar coa pobreza e o fame a través de oito retos concretos, os denominados Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM).

Os primeiros sete obxectivos fan referencia á erradicación do fame e a pobreza, á educación primaria universal, á igualdade de xénero, á redución da mortalidade infantil e maternal, á detención do avance do VIH/SIDA, paludismo e tuberculose e á sustentabilidade do medio ambiente. O Obxectivo 8 céntrase en fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento a través da materialización dun compromiso firme que axunte recursos e vontades en forma de alianzas entre países ricos e pobres.

Sem comentários: