quinta-feira, julho 05, 2007

Un roteiro reivindicativo solicitará a paralización do proxecto da mina de andalucita

Organizacións ecoloxistas e cidadáns de Ferrol e comarca organizan un roteiro reivindicativo o vindeiro día 15 de xullo para solicitar a paralización do proxecto de mina de andalucita en Pico Vello (As Pontes). Un total de dez asociacións ecoloxistas e cidadás organizan un roteiro reivindicativo pola zona de Pico Vello (As Pontes), no macizo do Forgoselo, para o vindeiro domingo 15 de xullo. O traslado ata a zona farase en bus que partirá de Ferrol con paradas en Caranza, Fene e As Neves.

O obxectivo desta marcha é protestar contra a pretendida instalación dunha mina de andalucita na zona. Os colectivos convocantes entenden que a mina suporía a desaparición dunha amplia zona de fraga autóctona e de brañas de gran valor ecolóxico, así como a destrución irreversible dunha das tres fontes do Río Belelle, o Rego Cernadas. Por outra banda, a zona adicada a escombreira no proxecto estaría a rentes do Rego Gallel, que forma parte da rede hidrográfica do Río Eume, coa conseguinte ameaza para o parque natural.

Se ben é certo que o proxecto foi corrixido para que non estivese incluído dentro do Parque Natural das Fragas do Eume, a distancia de 50 metros que se contempla resulta insuficiente para asegurar a protección dos valores naturais existentes nel. As organizacións convocantes consideran ademais que a apertura da citada mina suporía tamén a perda dun entorno que atesoura grandes valores non só naturais, senón tamén culturais e antropolóxicos (muíños, rueiros, acueductos, soutos, regadíos, etc.).

Entre as asociacións convocantes atópanse Adega, Clube de Montaña Ferrol, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Plataforma Ártabra 21, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia. Asímesmo participa o Concello de A Capela. Precisamente varios destes colectivos veñen de presentar recentemente alegacións á Declaración de Impacto Ambiental do proxecto.

As persoas interesadas en participar no roteiro poden realizar a súa inscrición ata o 13 de xullo (incluído) no local da Sociedade Galega de Historia Natural, sito na rúa Méndez Núñez 11 de Ferrol, ou ben chamando aos teléfonos 981352820 ou 649779774. O importe é de 2 euros.

Sem comentários: